jueves, 24 de noviembre de 2016

O xogo de pintar - entrevista con Patricia Rivera e Elena Cristobal -2ª parte: O xogo

Nesta segunda parte do artigo sobre a entrevista con Patricia Rivera e Elena Cristóbal quero adicarlla ao xogo. O xogo semella ser o grande incomprendido, esquecido, malinterpretado e desaparecido dos nosos días.
O día aquel, chuvioso e gris de outubro no que quedei con Patricia e Elena, volvimos sobre este tema unha e outra vez polo importante e complexo que é e porque eu non tiña nada claro de que xogo me estaban a falar. Non sabía se eu sabía xogar nin cando, nin como, nin se realmente o fixen algunha vez. E tamén porque as tres estivemos de acordo que había que afondar no asunto para poder transmitir ben a súa importancia e riqueza, para que o xogo volva pronto ao lugar que lle corresponde. 




O xogo. Apuntamentos a modo de definición.

Xogar é cando estás submers@ nunha cousa e esquéceste de todo aquilo que che rodea.

Xógase cando se atende ao que se fai no momento no que se fai.

O xogo é un mecanismo para aprender as habilidades necesarias para relacionarse co mundo.

No xogo estabelécese unha conexión contigo mesm@ que te leva a saber quen es. Iso é importantísmo. Sabemos quen somos realmente? Ou se esa pregunta for demasiado complexa: sabemos o que nos faría feliz (de verdade), sabemos o que nos gusta, o que nos fai ben? Sabemos o que queremos e por que estamos nesta vida?

O que importa no xogo é o proceso, NON o resultado. Para que saibades do que falamos: se MIÚD@S que están a xogar nun parque tivesen diante dos seus ollos un resultado, o que estarían a facer sería teatro. É importante que non haxa xuízo de ningún tipo. Un xuízo, dá igual se positivo ou negativo, sempre destacará o resultado e destruirá todo o resto.

Xogar é estar na rúa do barrio, no bosque, na horta ou onde sexa durante horas sen adult@s.
Se @ nen@ non xoga será incapaz de aprender algo por si mesm@ e iso é algo que eu vexo nas miñas clases de alemán. Dá igual que @ nen@ sexa brillante ou non, vaia a un instituto de renome ou a un colexio calquera, teña 8 ou 17,... Tod@s cando chegan a un problema que nunca viron e de cuxa solución aínda non falaramos din que non saben e alí se acabou a historia. Non buscan solucións, non coñecen o pracer de se mergullar en posibilidades dende aburridas até disparatadas.

O xogo ocorre dende dentro e a actividade lúdica dende fora. Coidado de non confundilo. Nós non estamos a falar dun vídeoxogo, nin dun xogo de mesa, nin dunha actividade proposta e dirixida. Estamos a falar do que se pode observar cando hai certa liberdade. André Stern, o fillo de Arno Stern dixo: Se deixas unh@ nen@ tranquil@ dá igual en que circunstancia xogará.

O xogo xorde dunha necesidade. É empoderamento, unha aventura emocionante. É inventar camiños que van por dentro de ti. É unha conexión profunda contigo mesm@, a ausencia de proxectos e plans previamente trazados. É unha decisión persoal. No xogo non existe frustración e, moi importante, se non hai reto, non hai xogo!

Recoméndovos que lle botedes unha ollada a Imagine Elephants.

Xogar é sentir un pracer e unha alegría inmensos.
Xogar é fluír.
Xogar é vivir.




O xogo. Algo inútil?

Vivimos nunha sociedade que rebate a importancia do xogo tódolos días até o extremo de parecernos ese algo supérfluo do que podemos prescindir sen problema, ocupando o tempo d@s MIÚD@S con todo tipo de actividades que prometen ser frutíferas para o seu desenvolvemento e o seu futuro. Nin se nos ocorre que iso talvez poida ser contraproducente.

O xogo pertence ao tipo de cousas alcumadas de improdutivas, porque nin producen nin teñen un resultado aparente, cando en realidade son inimaxinabelmente necesarias e importantes. Elena dixo: @ nen@ que xoga está decidindo que quere ser de maior e iso é de suma importancia. Pois iso! O que se quere ser de maior non se decide aos 15, 16 ou 18 anos nunha sesión cunh@ orientador@ laboral, facendo tests de multiopcións. Isto realmente debería irse decidindo moito antes e doutra maneira. Para poder estar seguros da nosa decisión, invertir toda a nosa forza nesa empresa e por conseguinte ter máis posibilidades dunha vida feliz.

Os animais xogan. Como gastan enerxía en algo tan inútil?, pregúntame Patricia antes de me desvelar que os animais que máis xogan son os que teñen máis posibilidades de sobrevivir. Tamén me conta dunha tribo na que a única ocupación d@s ne@s ata os 16 anos é xogar. Á pregunta de por que o fan así responden: Así aprenden as habilidades para ser adult@s eficaces. No xogo é cando máis aprenden de si mesm@s e d@s outr@s.

Recordo ter lido nalgún artigo sobre o sistema educativo nos paises nórdicos, que fixeran un estudo para saber en que momento das clases @s nen@s aprenden máis e resulta que é no recreo.

Creo que todos estes datos non precisan de máis comentarios.




Consecuencias dun mundo sen xogo.

No xogo @s nen@s son @s don@s da súa propia vida (e por suposto non só @s nen@s) Di Peter Gray no seu libro Aprender en libertad que se lles quitas o xogo todo caerá. Dende os anos 50 os casos de ansiedade e depresión en nen@s incrementáronse dun xeito preocupante. Tod@s sabemos de varios casos así. Onde imaxinades que estaban @s ne@s hai 50 anos un mércores pola tarde? E onde están agora? Non teñen tempo para xogar. Son unhas personiñas moi ocupadas.




O xogo no Xogo de Pintar.

O xogo de Pintar non é para aprender a pintar. O que se pinta non ten importancia. É un lugar que está para responder á necesidade innata do ser humano de se expresar. Éntrase en conexión con unh@/un mesm@ e experiméntase este pracer, esta alegría que produce o xogo e que moit@s adult@s esquecimos xa. Experimentemos a vida! Xogamos pondo trazos de cores enriba dun papel e @s persoas que asisten coidarán o noso xogo. Non sei vós, eu téñovos unhas ganas enormes. Seica ás/aos adult@s lles custa máis entrar no xogo que ás/aos MIÚD@S. Teñen moito máis que desaprender (para saber o que podes ler a 1ª parte da entrevista).


O Xogo de Pintar e a crise.

Para conectar co teu propio xogo ten que haber crise. A crise do xogo é soltar todo o aprendido. As crises son máis habituais n@s MIÚD@S porque están moito máis sometid@s ao xuízo d@s adult@s. A escola é un cocedoiro de xuízos, alí as crianzas son dirixid@s constantemente. E cando quedan sos de súpeto non saben que facer! 
Deixan de debuxar porque non deixamos que sigan o camiño natural da Formulación de Arno Stern. Só precisan alguén que lles asista, que confíe nel@s e non @s xulga para poder recuperar esa maneira de debuxar xogando ou xogar debuxando. Se unha/un MIÚD@ ten a capacidade creadora inhibida non terá moi ben tampouco a súa capacidade de xogar. Fuxirá do debuxo porque lle dá problemas! Foxe por medio de calquera distracción e iso chámase crise. Neste momento pode haber abandono se non nos coidamos. Para que iso non pase as persoas que asisten nas sesións do Xogo de Pintar informan da existencia das crises e insisten moito en que hai que acudir tódalas veces sen saltarse ningunha. Nos obradoiros impartidos por Miguel Castro en Euskadi págase por iso o ano por adiantado. Mais non todo son obrigas. Tamén hai dereitos e o primeiro dereito d@ participante é non xogar. Xuntamos iso a que @ asistente confiará plenamente en nós... é dicir, que coa falta da nosa confianza incondicional nas nosas capacidades témola súa... e isto ten que saír ben. Paréceme un espazo xenial para descubrir o noso xogo perdido.


Anotádevos, e non só me refiro @s MIÚD@S! Anotádevos nais e pais tamén porque xogando un pásalo tan ben, quedamos refrescad@s, é xenial para a nosa alma, para o noso benestar e xa sabedes que se nós estamos ben, @s nos@s MIÚD@S tamén o estarán!


Moitas grazas por ler, comentar e compartir.

+información:
Patricia Rivera * patricia.riveracrespo@gmail.com * 652 606 996
ECO Escola de Arte (Rúa do Vilar, 68 en Santiago de Compostela) * www.ecoescueladearte.com 981572 432
Horarios:
No Colexio Montessori Compostela será os luns de 18 a 19:30 e os xoves de 16 a 17:30 asistido por Patricia Rivera e na ECO Escola de Arte é os martes de 18 a 19:30 e asistirá Olalla Diéguez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario