Mostrando entradas con la etiqueta it mama. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta it mama. Mostrar todas las entradas

lunes, 18 de abril de 2016

"It" nai vs. Nai CM


Isto vai de como ao principio quería chamar este artigo Como ser unha mamá "it" en 10 sinxelos pasos?, pero logo cambiei de idea...
O primeiro problema que se me presentou ao empezar a escribir este artigo é que nin idea do que é unha nai "it". Así que consultei no google e me levou a unha páxina que se chama it mama!!! O malo é que era en ruso e aínda tendoo estudado durante oito anos no instituto non me chega para entender de que ía o tema.
E buscando so "it" sae a película de Stephen King e nada máis. Así pois puxen a consulta nun grupo no meu whats.app, o das Amiguiñas, porque elas andan máis actualizadas ca min en temas de fashion e lifestyle e mentras agardaba a que contestasen, seguín pensando: "It" é inglés e poderíase traducir con "isto". Entón ese "isto" que é? Algo indeterminado e misterioso e, polo tanto, desexable? Algo que está alá arriba no pedestal da nosa sociedade de consumo e ao que só poucos teñen acceso? Pero xa non é só por ter ou non ter os cartos (que iso tamén) senón por ter estilo, coñecemento, contactos e por suposto moitos seguidores?
Con iso que xa fun cavilando eu soa ía empezar a elaborar o meu listado de 10 sinxelos pasos, do que a estas alturas xa non sei se finalmente será tan sinxelo.
E o que me saíron foron cousas tipo:
Paso 1: É imprescindible ter twitter ou unha páxina en facebook que é onde se poden ter seguidores. Agora hai a opción de conseguir moitos pondo publicidade a partir de 4€!!! 
Paso 2: Algo imprescindible sería saír sempre arreglada da casa e non feito uns zorros como eu saio case sempre, xa que o meu fillo non me deixa duchar e cando está a miña parella teño que traballar. Si, traballo ata que el se vai á cama e máis alá desa hora. 
Paso 3: Ter un estilo refinado, diferente, persoal e á última! Ejem. Eu para iso non é que non teña tempo, é que directamente non teño neuronas que se queiran ocupar diso agora mesmo. De feito deixaron o seu traballo un momento e estánseme rindo na cara. Vale, xa deixo este pensamento tamén.
Paso 4: Pasos 2 e 3 son de ter en conta tamén para @s MIÚD@S! O meu fillo viste con roupa que me pasan amigas ou que teño de mamá liberando un grupo en facebook no que se comparte roupa para que non se tire despois do pouco uso que se lle dá...
Como xa vos imaxinades, non quedei moi contenta cos pasos estes... Por enriba, logo de escribir isto unha das miñas amiguiñas do grupo no whats.app que se chama Elena Montero contestou o seguinte: Para min "it" é o mesmo que cool. Ese termo emprégase para facer referencia a persoas que priman a forma sobre o fondo. É un postureo puro e duro. Dende a miña humilde opinión, claro. Para as "it" nais  que saen nas revistas catalogadas como tal, o fillo é máis un complemento ao look que un ser humano froito das súas entranas! Nótase que non son moi fan do termo "it"
Botei as mans á cabeza e pensei: VOU COMEZAR DE NOVO! 
Primeiro vou pasar do termo "it" que xa despois de todo non me gusta nadiña e vou chamar as nais das que quero falar as Nais CM. E logo quero que a Mamá CM se mencione xunto a outras palabras como por exemplo: compromiso, responsabilidade, detimento, creatividade, adaptación, sorriso, amor e alegría.
Ben, imos aló que xa me sinto máis animada: Como ser unha Mamá CM en 10 pasos que che farán a vida máis colorida!
Paso 1: Tes o futuro na túa casa, andando ou tambaleandose sobre dúas perniñas. Ese futuro aprende de ti mirándote cuns ollos enormes en cada momento. Esa é a túa responsabilidade, o teu compromiso, con ela ou el e con todo o mundo, co noso planeta azul e con tódolos seres que o habitan.
Paso 2: Intentas baixarte do tren do día a día que vivimos, porque vai demasiado rápido para vol@s dúas ou dous, tres ou sexa o número que sexa símbolo da túa felicidade familiar. A ti as dúcias de viñetas que che mostran o teu fillo dentro de 10, 15 ou 20 anos dicíndoche "non teño tempo para ti, vella!" non che din nada porque te tomas o tempo agora!
Paso 3: Para a crianza o que che importa é estar atenta para saber o que precisa @ túa/teu fill@ e creativa para decidir como darllo. E iso lógrase coidándose moito a unha mesma. Así que aproveitamos este preciso intre para nos dar unha auto-aperta, moitos bicos e tamén para nos recordar o ben que o estamos a facer!
Paso 4: IMPORTANTE!!! Non te esquezas ante todo que es humana!!! E tampouco de lle trasmitir isto @ túa/teu fill@! Ti non es perfecta ou sexa que ela/el tampouco o será e é mellor que o saibamos tod@s (fill@s incluíd@s). Dito con outras palabras: Todo isto para ti debería ser un camiño, unha meta, un lugar cara onde dirixir os teus esforzos. Para nada o trates de lograr custe o que custe porque iría totalmente en contra de cada un dos pasos. Si! Eu tamén xa lle berrei ao meu fillo, dinlle de beber un refresco destes hiperazucrados, traballei mentres el estaba chorando e reclamándome e deixo que o seu pai lle merque miles de xoguetes.
Paso 5: E todo isto sempre tendo en conta que as mamás estaremos de moda sempre e somos tal e como queremos ser!!! Así que veña! métete na ducha, dille a alguén que coide @ túa/teu fill@ un momento e pitando para o salón de beleza. E mañá ou pasado mañá (pero que de aí non pase) a mercar algo de roupa de cores para ser a nai que a ti che gustaría, que é a Nai CM. A Nai Compostela MIÚDA ou o que é o mesmo a Nai que Chista Moito!!!
Como ves faltan 5 pasos a ter en conta para ser a Nai que Chista Moito! Encantaríame que comentaras aquí o que ti cres importante para facerte unha Nai CM!

Como sempre, moitas grazas por ler, compartir e participar!